Wednesday 08 de May de 2024

A Policía Local da Coruña gaña un premio nacional ás Boas Prácticas na Educación Viaria


A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, recollerá este martes o galardón

A Policía Local da Coruña resultou gañadora do Premio ás Boas Prácticas na Educación Viaria nos VIII Premios Nacionais de Seguridade e Educación Viaria para as Policías Locais. A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, recibirá o galardón este martes, 24 de outubro, nunha cerimonia que se terá lugar en IFEMA (Madrid), no marco da IV Convención Nacional sobre Seguridade Viaria das Policías Locais. A edil estará acompañada por José Manuel Rico, intendente do 092 coruñés.

Estes premios outórgaos a Unijepol, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Dirección Xeral de Tráfico. O xurado decidiu outorgarlle ao Concello da Coruña este galardón polo traballo da Policía Local nos centros educativos da cidade. O 092 participa activamente desde hai máis de vinte anos na formación do alumnado co obxecto de familiarizar os cativos e cativas coa contorna urbana, co desenvolvemento de condutas seguras e de autoprotección, coa adquisición de autonomía nos seus desprazamentos ou co cumprimento das normas de convivencia.

No curso pasado instruíron a máis de 3.000 alumnos e alumnas de todos os ciclos formativos con programas como ‘Os parruliños coñecen a rúa’, simulacros de accidentes de tráfico, marchas ciclistas escolares, saídas interactivas, obradoiros de apoio á mobilidade ou programas de formación e prevención a colectivos de risco.

“Concienciar as próximas xeracións sobre a seguridade viaria e como moverse pola cidade é un dos piares nos que traballamos desde o Goberno de Inés Rey, ofrecendo diferentes accións da man do noso corpo de Policía Local”, indicou Montserrat Paz. A concelleira destacou o compromiso do Concello coa Policía Local, que recibiu 10 novos axentes e incorporará a 30 máis nos primeiros meses do 2024.